top of page

Semente que vence o patriarcado

  • metanoiagalicia
  • 15 abr 2024
  • 4 Min. de lectura

As mulleres do rural galego conquistan e revolucionan o sector agrario a prol de maior visibilidade


Marta Tiago | Tomiño


A agricultura constitúe un dos sectores produtivos máis destacados na economía galega desde que se instalaron os primeiros asentamentos humanos no territorio. Ao longo dos séculos, a muller desempeñou un labor moi importante nesta actividade económica, aínda que o seu testemuño permaneceu agochado e silenciado ata hai pouco tempo. Esta é a historia de todas esas mulleres que entregaron a súa vida á agricultura.


Unha forma de vida


Xunto Asturias, Galicia destaca por rexistrar máis mulleres que homes a cargo de explotacións agrarias, aínda que no caso galego o número de entidades deste tipo descendeu lixeiramente entre 2013 e 2016 (do 48,4% ao 47,4%).



As bravas ondas do océano Atlántico abren as portas da enfurecida costa da Morte que recolle parte do litoral coruñés. Cara o oeste localízase a comarca de Bergantiños, constituída por sete concellos, entre eles Malpica de Bergantiños. Nas Pozacas (Cerqueda), unha vila na que residen pouco máis de 130 habitantes, vive Carme Martínez. No seu día a día, ademais de dedicarse á agricultura para consumo propio, desempeña un labor de axuda a domicilio coidando persoas en situación de dependencia. Para ela, vivir na “Galicia rural” foi unha elección “Nacín aquí e nunca pensei en vivir na cidade”.



Carme Martínez na súa horta traballando // Cedida

O seu día comeza ás oito da mañá. Érguese, realiza as tarefas do fogar e vai traballar. Cando regresa, xa é hora de xantar. Aproveita ao máximo ese momento de descanso e marcha á súa horta. Alí ten plantadas todo tipo de verduras, tubérculos e hortalizas: leitugas, tomates, cebolas, allos e incluso legumes. “Como fago para atender a todo? Pois non durmindo”, comenta xocosamente.


“Intento facer todo o posible, teño a sorte de estar contenta onde vivo e co traballo que teño”

Tres casas á esquerda atópase Isabel. A diferenza de Carme, ela si que se dedica de xeito profesional á agricultura, “xa que todo o que produce o vende á empresa Gadisa, unha empresa que distribúe alimentación ao por maior ou a supermercados como Gadis”


Anteriormente traballaba nunha perruquería, pero máis tarde decidiu traballar nas terras herdadas dos seus pais. Ao igual que a súa veciña, ela é o pilar que sustenta o seu fogar: coida a súa nai, a casa e os terreos. “Intento facer todo o posible, teño a sorte de estar contenta onde vivo e co traballo que teño”, confesa. Normalmente é ela quen se encarga do traballo, pero cando a carga aumenta, en temporada de patacas por exemplo, asegura a outra muller que tamén se dedica a iso. “O meu marido traballa fóra, pero tamén axuda cando vén de traballar e os sábados. Os domingos procuro descansar, que tamén é necesario”, asegura.



Un dos invernadoiros de Carme Martínez // Cedida


Ao mesmo tempo que elas creceron e se desenvolveron no rural, tamén foron partícipes dos cambios que se produciron nese espazo. Por exemplo, viviron en primeira persoa o proceso de “mecanización” do campo.  A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR) explica que o medio rural “evolucionou a diferente ritmo que as zonas máis urbanizadas debido a que o investimento público non é o mesmo que o das cidades”. Do mesmo xeito, destacan que Galicia é a “envexa de Europa” debido aos seus notables avances en agricultura e gandería: “Temos explotacións de vacún de leite punteiras e perfectamente profesionalizadas e dixitalizadas”, asegura a presidenta de FADEMUR Galicia, Verónica Marcos. “Moita xente ten unha visión anticuada do rural. Como todos, ten as súas vantaxes e desvantaxes, pero xa non é precario”, engade Isabel.


As dúas veciñas móstranse plenamente convencidas de que son as mulleres que son polo feito de nacer onde naceron. “Nós non temos as facilidades que teñen persoas que igual viven nunha cidade. Non temos un transporte público axeitado nin un hospital preto”, analiza Carme. “Vivir aquí é todo para min. Cada unha elixe a súa forma de vida, e eu teño a sorte de poder traballar para min, estar tranquila e preto da familia”, engade Isabel.






Reacción en busca de acción


Historias como a de Carme ou a de Isabel repítense en toda a comunidade. As mulleres do rural, ademais de lidar coa falta de recursos e servizos básicos como a sanidade ou a conciliación familiar, tamén teñen que combater os roles de xénero: “Aínda hai dinámicas de discriminación moi marcadas. Queda moito por facer no ámbito da corresponsabilidade”, di Marcos. No caso de Carme, foi a excepción que confirma a regra: “No meu caso sempre foi o meu home o que estivo na casa e fixo o papel que socialmente se lle atribúe ás mulleres e fun eu a que tivo que pasarse o día traballando fóra”, comenta.


"Nas Cooperativas Agrarias, aínda que as socias representen un 49% do total, só o 9% están nos órganos de dirección"

Outro dos puntos clave que incide na falta de visibilidade da muller do rural é a ausencia da súa figura en órganos de representación. Por exemplo, Marcos explica que nas Cooperativas Agrarias, aínda que as socias representen un 49% do total, só o 9% están nos órganos de dirección.


A pesar das barreiras enumeradas, segundo o último informe do Instituto Nacional de Estatística (INE) de 2020, as mulleres conseguen sobresaír en territorios como A Estrada, onde ao redor de 1.200 mulleres son xefas de explotación.




Futuro incerto


O rural galego esmorece lentamente debido a falta de novas xeracións que ocupen as explotacións. “Non se lle está dando a importancia que se lle debería dar ao rural. Non se están poñendo as cousas fáciles para estar aquí”, comenta Isabel. Por esa razón, dende FADEMUR inciden en que, a pesar de que existen axudas desde as institucións públicas, seguen sen ser suficientes e falta que se adapten ás persoas que viven no rural. “Precísanse medidas integrais, de todas as administracións, tendo en conta todos os aspectos e necesidades que melloren as nosas vidas”, explica Marcos.


“Precísanse medidas integrais, de todas as administracións, tendo en conta todos os aspectos e necesidades que melloren as nosas vidas”

No referido ás mulleres, desde a asociación esixen que “liberen ás mulleres de carga de traballo” ofrecendo subsidios que favorezan a conciliación, tanto para nenos como para maiores. Por outra banda, para atraer ás novas xeracións, débese “cambiar a mirada e crear novos espazos para que os posibles novos habitantes se sintan benvidos”.


-------


Técnicas empregadas: recursos multimedia como audiogramas, mapas interactivos, táboas de datos e fotografías


Movementos xornalísticos: xornalismo social, xornalismo de servicio ou ciberxornalismo

Comentarios


© 2035 by David Cam.

Powered and secured by Wix
 

  • TikTok
  • Instagram
  • X
  • Youtube

 Campus Norte, Av. de Castelao, s/n, 15782 Santiago de Compostela, A Coruña metanoiagalicia@gmail.com

Tel: 637 355 870

bottom of page