15 concellos galegos visitan campamentos saharauís en Tindouf
- metanoiagalicia
- 7 dic 2023
- 2 Min. de lectura
Actualizado: 9 dic 2023
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xunto coa Delegación Saharauí en Galicia e Sogaps levan a cabo unha iniciativa para dar a coñecer a realidade das persoas refuxiadas

Metanoia
O Rosal, Allariz, Boiro, Brión, Cabanas, Laxe, Lugo, Moaña, Monforte, Muros, Nigrán, Oleiros, Padrón, Sada e Viveiro forman parte dunha iniciativa organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xunto coa Delegación Saharauí en Galicia e Sogaps, na que visitan os campamentos saharauís en Tindouf (Alxeria) co fin de coñecer de primeira man a realidade das persoas refuxiadas e os proxectos de axuda humanitaria impulsados desde Galicia, así como visibilizar o apoio institucional das administracións locais á causa saharauí.
A axenda en terreo deu comezo onte mércores cun recibimento por parte da gobernadora de Bojador, Dih Chadad, quen, alén de dar a benvida á delegación, defendeu o “dereito á autodeterminación do pobo saharauí” e chamou aos responsables municipais a “concienciar sobre esta causa xusta nos seus territorios”.
Cooperación símbolo de unión
Pola súa parte, o presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e alcalde de Nigrán, Juan González, amosouse aberto a “seguir cooperando cos campamentos saharauís, tamén con achegas específicas dos propios concellos”. Neste senso, os concellos de Nigrán e Moaña están a apoiar a través do Fondo Galego o proxecto Nadafa, que busca reforzar a xestión dos residuos traballando nunha dobre vertente: mellorar a recollida de lixo mediante a dotación de persoal e materiais, e realizar actividades de sensibilización para que a veciñanza, especialmente a máis nova, contribúa a manter limpa a súa contorna.
A delegación galega poderá supervisar in situ esta iniciativa, se ben nas primeiras horas de estancia xa tiveron a oportunidade de visitar unha planta de reciclaxe de residuos ou as instalacións da Media Lúa Vermella Saharauí. Nos próximos días coñecerán asemade a situación dos centros educativos e do Hospital Nacional, amais de reunirse coa Asociación de Familiares de Prisioneiros Saharauís e Persoas Desaparecidas e coa Unión de Mulleres Saharauís.




Comentarios