Poio pon en marcha un roupeiro municipal para axudar ás familias con dificultades
- metanoiagalicia
- 19 nov 2023
- 1 Min. de lectura
Habilitouse un espazo propio na Casa Rosada, un lugar que permite organizar toda a roupa e ofrecer un servizo cómodo para os usuarios

Metanoia
O Concello de Poio pon en marcha un roupeiro municipal, situado na Casa Redonda, co que atender, apoiar e axudar ás familias con dificultades, ao mesmo tempo que se fomenta a economía circular e se potencia o uso de roupa de segunda man, dando unha segunda vida a prendas ou artigos que outras persoas xa non utilizan.
“Con esta iniciativa queremos dar resposta a unha necesidade real e urxente que teñen algunhas familias do noso concello, ao tempo que fomentamos e potenciamos o uso de roupa de segunda man, reducindo así o número de desfeitos”, sinala a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres.
As persoas que queiran facer as súas doazóns, poden entregalas ou informarse no Pazo Besada. Ademais de roupa e calzado, tamén poden facer entrega doutros artigos, como roupa de cama, sillas e outros artigos para bebés, mochilas... que estea limpa e en bo estado. A propia concelleira e a educadora familiar encárganse de seleccionar a roupa, comprobar que estea en boas condicións, que non teña ningún descosido ou manchas.
Esta nova iniciativa, que nace para funcionar durante todo o ano, súmase a outras accións que están desenvolvendo desde a concellería de Benestar, como a recollida de xoguetes polo Nadal para que ningunha crianza quede sen sorriso, ou as axudas de emerxencia que se ofrecen desde o departamento para as familias máis vulnerables.




Comentarios