O Impulso Verde, edificio clave na configuración de urbes máis fortalecidas ante o cambio climático
- metanoiagalicia
- 10 nov 2023
- 2 Min. de lectura
Actualizado: 16 nov 2023
Unha trintena de aparelladores e arquitectos visitan este espazo lugués para coñecer as técnicas de edificación máis innovadoras

Metanoia
Unha trintena de persoas participantes no Curso Superior de Xestores de Obras de Rehabilitación, que promove a Fundación Laboral da Construción, visitaron estes días o inmoble. O Impulso Verde cumpre, a través destas visitas, coa súa importante función didáctica como expoñente do modelo de cidade que lidera a alcaldesa Lara Méndez.
Con estas visitas procúrase dar a coñecer aos alumnos e alumnas as particularidades das obras de rehabilitación de edificios protexidos, con formulacións de sustentabilidade e respecto patrimonial. Os participantes nesta formación solicitaron coñecer in situ o Impulso Verde por ser un edificio referente no ámbito da construción sostible. Durante a xornada tamén visitaron Pemade e as instalacións de Madeiras Besteiro.
Desta forma, o Concello continúa a fomentar a utilización da madeira como elemento estrutural na construción, eixo da estratexia de diversificación industrial do municipio, que se sustenta en valores medioambientais e que ten o seu máximo expoñente neste inmoble, o primeiro edificio público construído con madeira de Galicia e un referente na loita contra o cambio climático, capaz de xerar con enerxías alternativas o seu propio consumo.
A través destas formacións arquitectos e aparelladores de toda Galicia coñeceron as particularidades técnicas do edificio Impulso Verde, promovido polo Goberno de Lara Méndez na Garaballa, no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico. Esta visita enmárcase na celebración do Curso Superior de Xestores de Obras de Rehabilitación que promove a Fundación Laboral da Construción, co apoio do Consorcio de Santiago.
O Impulso Verde cumpre, a través das numerosas visitas que recibe, coa súa importante función didáctica como expoñente do modelo de cidade. Un proxecto clave na educación e na concienciación cidadá para avanzar na configuración de urbes máis fortalecidas ante o cambio climático.





Comentarios