top of page

Máis alá das pantallas

  • metanoiagalicia
  • 21 nov 2023
  • 2 Min. de lectura

O movemento contra o emprego do teléfono móbil en menores chega até Galicia



Pais e nais únense contra o emprego do móbil en menores. // EP

Ana Loureiro


Nas últimas semanas a problemática sobre a adicción ao móbil en menores saíu de novo á palestra. Desta forma, un colectivo de nais e pais do colexio de Can Manent, en Barcelona, veñen de poñer en marcha un grupo de Whatsapp a través do que buscan organizarse para adiar o momento de introducir á rapazada no emprego dos dispositivos tecnolóxicos.


O obxectivo deste grupo é aprazar até os 16 anos a compra do primeiro móbil dos adolescentes, mais non é unha demanda única. Nais e pais de decenas de centros de ensino se están unindo a este tipo de iniciativas. Ese é o caso de Elysabet García Permanyer, que, a través do grupo Poblenou_adolescència lliure de mòbil, comezou a difundir con outras familias da localidade algunhas das noticias que lle preocupaban sobre o emprego dos teléfonos. Na actualidade o grupo alcanzou xa os 1.024 participantes.


Máis alá de Cataluña, a Comunidade Vasca mantense como pioneira neste tipo de iniciativas. Exemplo disto son os dous anos que leva en marcha o proxecto impulsado por Orkatz Goenaga, unha idea que naceu do medo aos problemas de saúde mental e de aprendizaxe e co tempo estanse vendo algunhas melloras ao respecto.


Na óptica galega


Froito desta nova vaga de asociacións, Tania Martínez, profesora dun centro vigués, puxo tamén en marcha o seu propio grupo de Whatsapp e, a dez días da súa creación, conta xa con 500 participantes. Un éxito que pretenden secundar coa celebración da súa primeira asemblea que terá lugar, a petición popular, na capital galega.


En Galicia a normativa de ensino prohibe o emprego de móbiles para o uso recreativo e persoal nos colexios e institutos. Unha regulación que seguen tamén os centros de Castela e a Mancha e Madrid. No resto de comunidades, a decisión quedan en mans do equipo directivo, o claustro e o consello escolar. Malia todo, Martínez busca medidas aínda máis duras, avogando pola eliminación total dos teléfonos nos centros educativos.


Precisamente, esta eliminación total dos teléfonos é unha cuestión non exenta de polémica. Tanto é así que máis de 40.000 persoas no Estado Español están reunindo firmas a través da plataforma change.org para reclamar unha lei estatal que prohíba o emprego do teléfono móbil a menores de 16 anos. Unha medida xa proposta desde o Parlamento Francés. Malia todo, non todos os expertos docentes e psicólogos concordan con esta petición, avogando nalgúns casos pola educación dixital e o teléfono como ferramenta para o coñecemento.





Comentarios


© 2035 by David Cam.

Powered and secured by Wix
 

  • TikTok
  • Instagram
  • X
  • Youtube

 Campus Norte, Av. de Castelao, s/n, 15782 Santiago de Compostela, A Coruña metanoiagalicia@gmail.com

Tel: 637 355 870

bottom of page