Enerxía e clima no centro do debate
- metanoiagalicia
- 30 nov 2023
- 1 Min. de lectura
O Bloque Nacionalista Galego impulsa unha xornada para discutir sobre o modelo enerxético de Galicia e a súa sostibilidade
Desde a formación, denuncian tamén a perda de 4.000 empresas e 7.000 empregos no sector

Metanoia
O BNG desenvolveu hoxe unha xornada de traballo sobre enerxía e clima para reflexionar sobre as propostas enerxéticas do país. Para isto, o bloque nacionalista contou coa colaboración da comunidade que traballa neste ámbito de actuación de cara a coñecer as súas propostas.
Durante este foro incidiuse na importancia da innovación no sector ao mesmo tempo que, desde o partido nacionalista, se remarcou a potencialidade de Galicia cara afrontar unha transición enerxética que serva como unha oportunidade de crecemento económico sostible para o país.
Con isto presente, Ana Pontón, líder do partido nacionalista, asegurou que "non pode ser que Galiza soporte os custes de produción e que os beneficios non queden no País”, destacando con isto a perda de tecido empresarial e emprego no sector, con 4.000 empresas menos no 2022 con respecto ao 2008 e 7.000 empregos menos en 2021 con respecto a 2009.
Mapa de ordenación enerxética
Para paliar esta situación propúxose durante esta xornada a elaboración dun mapa de necesidades e ordenación enerxética onde se recollan todas as tecnoloxías do mix enerxético. Isto condicionado a que o potencial galego non se limita só á eólica ou á hidráulica, senón que tamén se dá na solar, na biomasa, nos biocombustibles ou na xeotermia.
Un mapa que, segundo se puxo de manifesto, debe contemplar elementos como a preservación medioambiental, a ordenación do territorio ou a cohabitación con outras actividades económicas. Así, desde a organización aseguran apostar polo impulso da enerxía de proximidade, incentivando o autoconsumo.




Comentarios