O Consello da Cultura Galega afonda na historia de Galicia da man de Lois Tobío
- metanoiagalicia
- 23 nov 2023
- 2 Min. de lectura
O organismo estatutario recupera dous manuscritos do escritor que repasan algúns dos episodios máis importantes que viviu a sociedade galega ao longo do século XX.

Metanoia
Lembranza do Seminario de Estudos Galegos é a nova publicación do Consello da Cultura Galega que rescata dous textos de Lois Tobío nos que o escritor analiza feitos importantes para a historia do país, como o nacemento do Seminario e a redacción do Estatuto de Galicia en 1931. A presidenta do Consello, Rosario Álvarez; a filla de Lois Tobío, Constanza Tobío; e o editor da publicación, Ramón Villares, presentan o proxecto este mércores.
A presidenta do órgano destacou na presentación que no titular figura ‘lembranza’ “porque é alguén que garda con boa memoria e que o reproduce con fidelidade, algo que fixo de maneira exemplar a figura irrepetible de Lois Tobío”. A xénese desta publicación remóntase ao material que Constanza Tobío cedeu ao Consello da Cultura Galega co obxectivo de honrar a vontade do intelectual de que o seu legado repousase nunha institución galega.
Dese material, sae agora Lembranza do Seminario de Estudos Galegos con escolma, edición e comentario de Ramón Villares de dúas pezas que repousan nese fondo. “Son un contributo orixinal, dúas pezas centrais na nosa historia escritas por unha figura fundamental que estando fóra do país, nunca deixou de estar dentro” afirmou nunha intervención que serviu de panorámica da inestimable contribucion de Tobío.
A obra
Os documentos editados son textos sobranceiros que comparten dous denominadores comúns. Dunha banda o dobre carácter de documentos que informan sobre fitos relevantes para o relato da historia da Galicia do século XX e de testemuño directo dun dos participantes nos feitos referidos. Da outra, que ambos os dous foron compostos nos primeiros anos da democracia, desde a distancia temporal respecto dos acontecementos e coa decantación na memoria producida pola experiencia vital.




Comentarios