A Xunta renova os equipamentos informáticos da Aula CeMIT de Ames
- metanoiagalicia
- 4 dic 2023
- 2 Min. de lectura
O alcalde do concello solicitou a colaboración da Xunta de Galicia para dispor dunha nova Aula CeMIT na localidade do Milladoiro.

Metanoia
O alcalde, Blas García, acompañou esta mañá ao delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, na visita que realizou ás instalacións da Aula CeMIT do concello de Ames, que está situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, e onde se renovaron os equipamentos informáticos. Adquiríronse 15 ordenadores Al lin One, 10 tablets, equipamento complementario e material innovador (2 impresoras 3D, 1 kit de robótica, 5 drons, 2 gafas virtuais e un kit de programación).
Durante a visita púidose constatar o interese que este tipo de aulas e a formación que se imparte desperta entre a cidadanía e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, recordou que o Plan de reforma e ampliación da Rede que se está a levar a cabo facilita tanto unha formación máis adaptada ás novas demandas tecnolóxicas como unha actualización das tecnoloxías innovadoras nas aulas, con 1.300 novos dispositivos, entre impresoras 3D, kits de programación e drons.
O alcalde de Ames, Blas García, solicitou a colaboración da Xunta de Galicia para dispor dunha nova Aula CeMIT na localidade do Milladoiro. Dita solicitude responde a unha petición reiterada dos veciños e veciñas do Milladoiro e arredores, que reclaman que se ofreza no seu núcleo unha oferta semellante á de Bertamiráns, que xa conta cunha Aula CeMIT.
Así mesmo, Gonzalo Trenor subliñou que no primeiro trimestre de 2024 completarase a renovación de todo o equipamento, coa substitución de máis de 1.300 ordenadores, ademais da adquisición de 20 unidades de dispositivos adaptados a persoas con capacidades diversas, 880 tabletas, 840 libros electrónicos e 84 complementos audiovisuais.




Comentarios