O BNG reclama incluír todo o alumnado con TDAH nas axudas para o apoio educativo
- metanoiagalicia
- 27 nov 2023
- 2 Min. de lectura
Néstor Rego censura o ministerio de Educación por denegar bolsas a estudantes con TDHA ao exixirlles a acreditación dunha discapacidade mínima do 33% para o seu recoñecemento

Metanoia
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, diríxese ao Ministerio de Educación nunha pregunta e nunha proposición non de lei para demandar que conceda as bolsas e axudas ao estudo ao alumnado con diagnose de TDHA.
Censura Rego a actitude do Ministerio que está a denegar as bolsas a estudantes con estes problemas por non acreditar unha discapacidade de, cando menos, 33% cando “o Real Decreto 471/2021 é claro e estabelece no artigo 7.1.a) que se inclúe nas axudas ao “alumnado con necesidade específica de apoio educativo derivada de discapacidade ou trastorno grave da conducta”.
"A eliminación da mención expresa do TDAH na lei de Educación non significa a supresión deste trastorno de entre as causas determinantes das necesidades educativas especiais, nin en consecuencia, do acceso do alumnado que o padece das axudas públicas"
Ademais, subliña, o propio Tribunal Supremo acaba de estabelecer en varias sentenzas deste ano que “a eliminación da mención expresa do TDAH na lei de Educación non significa a supresión deste trastorno de entre as causas determinantes das necesidades educativas especiais, nin en consecuencia, do acceso do alumnado que o padece das axudas públicas”.
Xurisprudencia
O BNG esgrime que o ministerio debe garantir a igualdade e o acceso universal á educación e insta ao Executivo a acatar as sentenzas do Tribunal Supremo que en base á lei considera suficiente a acreditación de TDHA diagnosticado para o acceso ás bolsas aínda que non supoña, ou non se teña concedido unha discapacidade por esa causa. Para Rego “deixar fóra das axudas do Ministerio a este colectivo de estudantes supón unha manifesta discriminación e deixa nunha situación de risco social e educativo aos menores máis desfavorecidos economicamente”.
Ademais, os pais e nais afectadas denuncian existen criterios diferentes de concesión segundo a Delegación que resolve as peticións, sendo a galega unha das que precisamente está conculcando a legalidade e denegando as axudas en base a unha interpretación sen fundamento legal, pero que non acontece igual en outras sedes.
O BNG reclama ao Ministerio que rectifique e revise as axudas que foron denegadas para este curso 2023-2024 baixo un argumento que vulnera o principio de igualdade e o acceso universal á educación. O deputado do BNG pide ao Ministerio que dea as instrucións precisas para que nas seguintes convocatorias de bolsas non se exclúa ao alumnado con TDHA e que deixe de exixir nestes casos a acreditación dunha discapacidade mínima de 33%.




Comentarios