Lara Méndez di non á supresión de tres graos no Campus Terra: “contribúen á súa excelencia”
- metanoiagalicia
- 14 nov 2023
- 1 Min. de lectura
Actualizado: 16 nov 2023
O Goberno local manifesta a súa preocupación ante a posibilidade de que desaparezan de Lugo as titulacións de Paisaxe, Enxeñería Civil e Procesos Químicos

Metanoia
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sumouse ao malestar da comunidade educativa durante esta xornada criticando a reestruturación prevista que ameaza Paisaxe, Enxeñería Civil e Procesos Químicos en Lugo. A socialista agarda que desde a Secretaría Xeral de Universidades se valore a transcedencia que a permanencia destas titulacións ten para o concello así como a súa vinculación directa co desenvolvemento e a diversificación industrial na que se atopa inmerso.
A corporación municipal pronunciouse despois de que hai unhas semanas saltasen as alarmas ante un comunicado da USC que anunciaba que o número de alumnos dos graos susceptibles de desaparecer non era suficiente para garantir a súa permanencia. “Nunca é unha boa nova que se reduza a oferta académica e é especialmente preocupante que se trate ademais de ensinanzas que son, precisamente, a esencia deste Campus e que contribúen á súa excelencia”, lamentou Lara Méndez.
A alcaldesa sinala a necesidade de revisar o regulamento que rexe o funcionamento dos campus periféricos “en 12 anos a sociedade experimentou un cambio moi profundo e hoxe presenta outras demandas e outras necesidades que deben terse en conta tamén dende o punto de vista normativo” coa finalidade, continúa, “de adaptarse non só a ese contexto social, senón tamén á propia evolución que seguiu o sistema educativo neste tempo e á realidade actual dos propios Campus”.
Así mesmo, Lara Méndez, instou a todas as partes a buscar, desde o consenso, alternativas que garantan a continuidade destes ciclos a través doutras fórmulas como pode ser a fusión de titulacións.




Comentarios