Erguer convoca unha folga para denunciar o encarecemento de prezos nos comedores e cafeterías da USC
- metanoiagalicia
- 10 nov 2023
- 1 Min. de lectura
Actualizado: 16 nov 2023
O sindicato estudantil protesta contra a nova lista de prezos da Universidade de Santiago por considerala ‘inasumible’ para a economía do alumnado

Metanoia
Ante a inminente suba de prezos nas cafeterías e comedores públicos da Universidade de Santiago de Compostela, a organización estudantil Erguer. Estudantes da Galiza vén de convocar un primeiro paro de consumo para os vindeiros 9 e 10 de Novembro (xoves e venres) na facultade de Filoloxía.
Desde a organización sinalan que a suba de prezos é abusiva e esixen a aplicación dunha política de prezos reducidos que se adapte ás necesidades e á capacidade económica da comunidade universitaria. “Non é asumible que teñamos que pagar 7,50€ por un menú mentres na maioría de universidades europeas o prezo manténse entre os 3 e 5€” sinala Iago Fraga, responsable de Erguer na facultade de Filoloxía, onde comezaron as demandas.
Desde Erguer tamén reclaman un servizo de cafeterías e comedores adaptado ás necesidades reais do estudantado, con alimentos que pasen controis de calidade, e reclaman unha xestión pública deste servizo, denunciando a externalización do mesmo. “Os comedores e cantinas universitarias deben ofrecer un servizo público e de calidade, non operar baixo unha lóxica de mercado que encarece os prezos” sentenza Iago.
A organización estudantil xa leva denunciando a situación dende a semana pasada a través das súas redes sociais e organizou unha asemblea aberta no Campus Norte. Ademais, presentou tamén un escrito ante a universidade esixindo prezos reducidos e un servizo público e de calidade, para alén de denunciar que a suba de prezos en Filoloxía constitúe unha infracción moi grave da normativa existente.




Comentarios