top of page

21 Anos da marea negra do Prestige

  • metanoiagalicia
  • 14 nov 2023
  • 3 Min. de lectura

Actualizado: 16 nov 2023

Unha historia sobre o desastre natural e a impunidade política


Labores de limpeza // EP

Ana Loureiro


O 13 de novembro de 2002 o petroleiro propiedade da empresa Mare Shipping, unha sociedade con sede en Liberia, atópase á deriva na Costa de Muxía. Mare Shipping conta na súa navieira cun único barco e as leis liberianas dificultan coñecer con exactitude a identidade dos seus donos. O único que se sabe con seguridade é que os armadores son gregos.


A pesar de que o barco fora revisado en 2001 na China (tendo como consecuencia unha importante reparación na chapa) e en 2002 en Abu Dabi, o 13 de novembro de 2002 o Prestige pártese pola metade nas costas galegas e tingue de negro a ría nunha das catástrofes naturais máis importantes do país. Só nos primeiros meses após o vertido, máis de 23.000 aves apareceron mortas na costa e, aínda agora, “os areais e zonas rochosas seguen a ter restos do fuel”, como recolle a comunidade en rede Orgullo Galego.




Máis alá da costa


O do Prestige non foi só un desastre ecolóxico, senón que evidenciou a falta de preparación política na xestión de crisis medioambientais. Desta forma, desde o momento no que o barco rompeu, o petroleiro estivo movéndose pola ría durante sete días de caos, esparexendo tras de si o fuel pola costa.


Durante esta semana as autoridades políticas foron as encargadas da xestión da catástrofe. Desta forma, pasaron 115 horas entre a chamada de socorro do barco até a partición do buque, enchendo de chapapote un total de 1.137 praias e areais. Na actualidade, desde as asociacións ecoloxistas asegúrase que esa primeira decisión por parte de Capitanía Marítima de negar a entrada do buque no porto da Coruña foi fundamental para a magnitude da catástrofe.




Na mañá do 14 de novembro, por orde do Ministerio de Fomento, a Administración Central asegura que o Prestige non recalará en ningún porto do Estado Español, mentres tanto, a mancha continúa medrando e seguen sen implantarse medidas para loitar contra a contaminación. Non é até o domingo 17 que se inician os protocolos institucionais para as labores de limpeza, mais, ante a falta de medios, é a cidadanía a que se organiza para a recuperación da costa na coñecida como Marea Blanca.

Como todos os aniversarios desde hai 21 anos tanto os movementos ecoloxistas como múltiples organizacións políticas e persoeiros galegos aproveitan estes días para reclamar responsabilidades e que non se esqueza a maior traxedia ambiental do país. Ana Miranda, Eurodiputada do BNG no Parlamento Europeo emprega estas datas para rememorar o acontecido no marco da “negociación da reforma europea de seguranza marítima”, asegurando que “Galiza non esquece”.




O chapapote e a xente


O petroleiro cargaba no momento do seu afundimento con 77.000 toneladas de fuelóleo, un residuo pesado froito da destilación de petróleo cru. Este químico emprégase sobre todo en centrais térmicas e caldeiras industriais e, como explican desde a Asociación Ecoloxistas en Acción, o feito de que fora un químico pesado e non cru implicou a imposibilidade da súa evaporación.


Precisamente, unha vez sucedidas as verteduras, tivo que ser a mobilización cidadá a que se comprometera coa limpeza e crítica do acontecido. Formábase así o 21 de novembro o movemento Nunca Máis, ao que se chegaron a unir máis de 200 asociacións e que contaba entre as súas caras visibles con persoeiros como o escritor Manuel Rivas, que aproveitou tamén a ocasión para conmemorar o desastre.





Para non deixar impune todo o acontecido, nestas datas revívese a traxedia a través de exposicións, discursos políticos ou documentais entre moitas accións de reivindicación. Neste sentido, a Federación Galega de Ecoloxistas en Acción comezou onte en Redondela a súa exposición itinerante sobre este desastre marítimo.


Unha proposta co que esta organización busca, a través de nove paneis, “mellorar a coordinación de medios operativos permanentes e unidades de vixilancia marítima, así como aumentar a cantidade e calidade das inspeccións dos buques que atracan no litoral da Galiza”.

Comentarios


© 2035 by David Cam.

Powered and secured by Wix
 

  • TikTok
  • Instagram
  • X
  • Youtube

 Campus Norte, Av. de Castelao, s/n, 15782 Santiago de Compostela, A Coruña metanoiagalicia@gmail.com

Tel: 637 355 870

bottom of page