top of page

Un Vigo cargado de cultura

  • metanoiagalicia
  • 14 nov 2023
  • 3 Min. de lectura

Ultraluz, A Movida Literaria e Culturgal son os tres nomes que prometen unha gran actividade cultural na cidade olívica durante novembro e decembro


Presentación da oferta cultural. Cedida

Paula Hernández


A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, presentou o luns a nova aposta da Deputación para a sede viguesa da institución provincial con tres programas que se suman á oferta cultural.


Ultraluz, A Movida Literaria e Culturgal incorpóranse á axenda cultural dos vindeiros meses de novembro e decembro, con 22 nomes e 9 actuacións de entrada libre.


Fernández-Tapias, quen compareceu acompañada pola escritora Ledicia Costas, o director de Culturgal, Camilo Franco, e Pablo Vázquez de A Movida, destacou que este ciclo é tan importante polo seu contido como polo fondo, xa que un dos seus obxectivos é recuperar para Vigo "o seu papel como referente cultural".


A proposta baséase no "talento artístico e a diversidade" dunha aposta que, según a vicepresidenta, "non pretende ser un espectáculo de masas, senón dirixirse a todos os públicos cun deseño que transita entre a literatura, a poesía, a música, o debate ou a interpretación".


Na presentación, Tapias aproveitou para felicitar novamente a A Movida con motivo do seu quinto aniversario. Media década de xornalismo cultural no que, dixo, "vós fixestes imprescindibles como prescriptores culturais de referencia na cidade".


Sobre Ultraluz, sinalou que o grupo formado por Ledicia Costas e Amaro Ferreiro "é unha aposta segura". "Ambos os dous levarannos ao bosque de Ultraluz, nunha viaxe sensorial, unha experiencia artística exquisita que dá vida á obra de Ledicia, gañadora do XX Premio de Poesía Afundación", anotou.


Ademais, con respecto a Culturgal, Fernández-Tapias remarcou que "esta feira, escaparate das culturas galegas e de recoñecido prestixio, tiña que ter a súa réplica en Vigo".


Compromiso do concello


A vicepresidenta aproveitou para mencionar o compromiso do Goberno provincial de exercer de catalizador dunha cidade que, nas súas palabras, "sendo berce da Movida dos anos 80, ten pendente recuperar a súa posición de liderado á fronte da vangarda cultural de España e facer valer a súa calidade artística e de dominio cultural".


"Dixemos que a Cultura ía ser unha pedra angular na xestión desta nova Deputación, e lonxe de ser unha simple declaración de intencións, este ciclo cultural que acabamos de presentar hoxe comeza a darlle forma", sinalou.


Por último, Fernández-Tapias reiterou o seu desexo de "traballar intensamente para devolver a cultura viguesa ao lugar que se merece, o que ocupaba nos anos 80", ao que engadiu que "a cultura non debe ser unha cuestión de ideoloxía senón de vontade".


Programación


A Movida Literaria dará inicio ao ciclo este xoves ás 19.30 horas. Inma López Silva, Francisco Castro, Mª Xosé Porteiro, Pedro Feijóo e Rexina Vega participarán na sede viguesa da Deputación provincial nun coloquio sobre novela negra e social.


O 23 e 24 de novembro, o Culturgal cheará de literatura, poesía e música a sede de Eduardo Chao no Casco Vello. Será en tres sesións cada día ás 6, 7 y 8 da tarde.


Na primeira xornada Alba Garrido e Iría Morgade charlarán sobre memoria histórica, seguirán os recitais poéticos de Iolanda Zúñiga e Velpister, para rematar coa música de Catuxa.


Ao día seguinte, catro Premios Xerais falarán de literatura, María Lado demostrará que Non fai falta ler poesía, e Leilía encargarase do peche deste Culturgal estendido con motivo da súa xira de despedida, Voume, pero non me vou.


O 29 de novembro será a quenda de Marcos Calveiro, Ledicia Costas, María Reimóndez e Manuel Esteban, que establecerán un diálogo sobre a literatura infantil e xuvenil, a partir das 19.30 horas.


Por último, o espectáculo de Ultraluz terá lugar na sede viguesa da Deputación o 19 de decembro en Vigo, ás 20.00 horas, e ao día seguinte no Museo Provincial de Pontevedra. Unha maneira de poñerlle o broche a este inverno cultural vigués.

Comentarios


© 2035 by David Cam.

Powered and secured by Wix
 

  • TikTok
  • Instagram
  • X
  • Youtube

 Campus Norte, Av. de Castelao, s/n, 15782 Santiago de Compostela, A Coruña metanoiagalicia@gmail.com

Tel: 637 355 870

bottom of page