Compostela, estrela do Nadal
- metanoiagalicia
- 12 dic 2023
- 1 Min. de lectura
Un programa cheo de actividades para todas as idades
Metanoia
Pica o frío e Compostela brilla como a estrela do nadal. Desde o acendido de luces o día 1 de decembro, acompañado dunha chea de espectáculos que impresionaron a maiores e pequenos, até un mes cheo de actividades. Cubertas as rúas de luces e con música e pasarrúas para animar o ambiente festivo.
Uns días para desfrutar en familia dos concertos das corais locais, da Banda Municipal de Música, do teatro, o circo e da maxia. Mais a música soará tamén no xa tradicional concerto de reis, onde a Bela Durminte de Chaikovsky fará as delicias dos espectadores.
Para acabar e comezar o ano da mellor maneira hai moitas tradicións que se poden cumprir; as doce uvas, a roupa vermella ou sentarse baixo a mesa compleméntase en Compostela coas badaladas do obradoiro ou a clásica carreira de San Silvestre.
Os beléns repártense pola cidade nun percorrido de festa e tradición, aínda que moi probablemente o de San Fiz de Solovio sexa o máis famoso. A igrexa románica acolle outra instalación moi especial: un belén colectivo feito polos veciños dos 45 centros socioculturais de todo o municipio con elementos icónicos de Compostela.
A obra Corentena de Perdomo e Touriñán, a actuación de Cé Orquestra, obradoiros para a elaboración de centros de mesa ou as actuacións no mercado da estrela de grupos como Ataque Escampe, Familia Caamagno, Grande Amore ou Lontreira sinalarán estas datas cheas de festa co sabor máis doce do nadal.
Programa completo: 1701077314Despregable_nadal2023_web.pdf (santiagodecompostela.gal)




Comentarios