top of page

O Museo de Pontevedra presenta este xoves o libro ‘Mar e a pantasma das treboadas’

  • metanoiagalicia
  • 27 nov 2023
  • 2 Min. de lectura

O Edificio Sarmiento acollerá ata o 7 de xaneiro unha mostra coas ilustracións orixinais

de Xavier Magalhães para o libro

Cartel da presentación. Cedida

Metanoia


O Museo de Pontevedra acaba de publicar un relato para público infantil, escrito por Clara do Roxo e con ilustracións de Xavier Magalhães. O libro titúlase Mar e a pantasma das treboadas e nel, unha nena introvertida que non se relaciona cos demais nenos coñece ao pantasma de Teucro, que vive no Museo. A publicación presentarase o próximo xoves 30 de novembro ás 19:00 h no claustro do Edificio Sarmiento, onde se exhibirán as ilustracións realizadas para o libro.


Con este libro, o Museo abre outra xanela para achegarse ao público máis novo. Conta a historia de Mar, unha nena solitaria que só sae da casa para visitar o Museo. Alí vive o pantasma de Teucro, o mítico fundador da cidade de Pontevedra, da que nada queren saber os outros espíritos que habitan o Museo. Unha forte treboada fai que Teucro contacte con Mar a través do ordenador. Aí comeza un intercambio de pareceres, xogos e intereses que, treboada a treboada, se vai convertendo en amizade.


A autora do texto é Clara do Roxo. Filla de emigrantes galegos nacida en Caracas, volveu a Galicia con dez anos de idade e na actualidade reside en Vigo. É licenciada en Xeografía e Historia. Despois de obter varios premios de relato, en 2012 publicou a novela infantil A princesiña que conducía unha locomotora (Editorial Galaxia).


A partir de entón sucédense as publicacións infantís, xuvenís ou para adultos, todas elas alicerzadas na emoción e na visibilidade. Ademais, desenvolveu obradoiros de escritura creativa e impulsou diversas iniciativas culturais, como a Asociación Cultural CatroPatacos e o colectivo de narradoras e músicos 4ghatos.


O responsable das ilustracións é Xavier Magalhães, pontevedrés de nacemento e vigués de adopción. Apaixonado da pintura, fórmase primeiro de maneira autodidacta e logo co seu mestre Laxeiro, viaxando e expoñendo en países como Arxentina, Uruguai, Cuba, Francia ou Portugal. Magalhães pinta paisaxes, animais, corpos... movéndose entre o simbólico e o abstracto.

A súa obra está presente en coleccións como o Museo Municipal Quiñones de León (Vigo), o CGAC (Santiago de Compostela), o Museo de Arte Moderno de Buenos Aires e a Colección Bilgrim Haus Soest (Alemaña).


Ademais de presentarse o libro, o xoves abrirase no claustro do Edificio Sarmiento unha mostra cos orixinais das doce ilustracións creadas por Xavier Magalhães para esta edición.


Aparte de Mar e Teucro, protagonistas da historia, nos deseños aparecen lugares e pezas emblemáticas do Museo, como as ruínas de San Domingos, o tesouro de Caldas, o depósito de Samieira, os edificios Castro Monteagudo e García Flórez e a escaleira pétrea do edificio Sarmiento.


A exposición poderá visitarse ata o 7 de xaneiro. Está previsto que durante o nadal se realicen actividades dirixidas ao público infantil relacionadas co libro e a exposición.


Mar e a pantasma das treboadas pódese adquirir no Edificio Castelao ao prezo de 15€.

Comentarios


© 2035 by David Cam.

Powered and secured by Wix
 

  • TikTok
  • Instagram
  • X
  • Youtube

 Campus Norte, Av. de Castelao, s/n, 15782 Santiago de Compostela, A Coruña metanoiagalicia@gmail.com

Tel: 637 355 870

bottom of page