top of page

Cine e audiovisual da man do alumnado: regresa o Facom Fest á Universidade de Santiago de Compostela

  • metanoiagalicia
  • 21 nov 2023
  • 4 Min. de lectura

Actualizado: 2 dic 2023

O festival que comezou a súa andanza en 2022 chega do 27 ao 30 de novembro á USC cargado de novidades e actividades

Coloquio da edición pasada. Cedida

Paula Hernández


Tras a boa acollida de 2022, o festival de cine Facom Fest volve este ano nunha segunda edición que ofrecerá distintas actividades na Universidade de Santiago de Compostela entre o 27 e o 30 de novembro. Organizado por estudantes de 4º de Comunicación Audiovisual, este festival busca dar a coñecer os proxectos realizados cun baixo presuposto pola xuventude galega.


“A idea xorde da man do noso profesor Cibrán Tenreiro xa o ano pasado, na materia de Promoción e Difusión da Obra Audiovisual. Nolo propuxo este ano tras os bos resultados que houbo na anterior edición”, conta Inés Ventoso, encargada do Departamento de Comunicación do festival. Ventoso decidiu formar parte do equipo tras seguir a edición do ano pasado.


Elián Antigua é outro dos que está ao pé do canón. Encárgase do Departamento de Produción e, pese a que non acudiu ao primeiro festival pola súa estadía en Turquía, non dubidou en unirse: “Cando os meus compañeiros mo explicaron a verdade é que me fixo moita ilusión. Tamén hei de admitir que me apuntei a esta materia polo profesor que a ensina”.


Este ano contarán con varias novidades: a posibilidade de que persoas externas á Facultade de Ciencias da Comunicación poidan participar, a organización de actividades na Facultade de Filosofía, a inclusión da categoría “Videoclips” e actuacións musicais durante a gala.


Ademais, a diferenza do ano pasado, contan cunha subvención por parte da Universidade: “Esta vez grazas á USC puidemos garantirnos desde un principio un mínimo de gastos que sabiamos que podían ser cubertos”, afirma Antigua.


Para levar a cabo o festival, contan con 30 membros repartidos en distintos departamentos: Programación, Actividades e Públicos, Equipo Técnico e os xa mencioinados, Comunicación e Produción. Cada equipo conta co seu propio portavoz para comunicarse entre eles.


Con todo, Ventoso di que “ás veces a comunicación falla entre departamentos, o cal dá lugar a confusións ou repeticións de preguntas aos responsables de cada departamento, pero son situacións puntuais”.


“Organizar un festival é moito traballo. Se me preguntas a min, creo que non hai ninguén que estea metido na organización do Facom Fest que haxa pasado máis de dous días sen facer algo relacionado co mesmo”, afirma Ventoso. Antigua engade tamén que “require moito traballo en equipo, así como implicación no traballo e boa actitude”.


E os esforzos están tendo as súas recompensas: “Duplicamos as inscricións de obras do pasado ano e a acollida das redes sociais mantense bastante estable, cun lixeiro crecemento tanto de interaccións coma de seguidores. Ademais, contamos tamén cunha maior recepción mediática”, di Ventoso. A maiores, Antigua ve un maior interese por parte doutras facultades.


Por último, Ventoso destaca a importancia este tipo de iniciativas: “Os festivais serven non só para expor obras senón tamén, en moitos casos, para dotar obras de certo valor. No Facom Fest queremos ofrecer esta experiencia a toda aquela persoa do estudantado galego que queira acompañarnos a experimentala”.


“Queremos contribuír a que obras levadas a cabo por estudantes cun orzamento limitado sexan valoradas polo público. Os participantes mostran como poden crear historias e obras fascinantes con elementos técnicos básicos en comparación coas producións grandes”, conclúe Antigua.


Premiados da edición de 2022. Cedida

Actividades


As obras inscritas á modalidade competitiva serán valoradas tanto por un xurado profesional como por estudantes, buscando a diversidade de opinións. Ademais das proxeccións, o festival contará tamén con diversos eventos e actividades formativas.


Aparte de crear un espazo para que as novas xeracións de cineastas amosen as súas creacións, unha das intencións do Facom Fest é poñelas en contacto coa realidade profesional do sector audiovisual.


Para iso, inclúe un programa de actividades formativas que complementa os coñecementos desenvoltos nas aula. Concretamente, David Fidalgo (autor da webserie Cacola ou da curta Sandwich cat) compartirá os seus coñecementos sobre animación.


Haberá tamén unha charla en torno ao material de arquivo e o patrimonio audiovisual en Galicia, na que participarán a investigadora María Soliña Barreiro, o historiador e membro do Cineclube de Compostela Julio Vilariño e a integrante do colectivo Memoria e Cinema Laura Piñeiro.


Ademais, a comunicadora María Yáñez ofrecerá unha retrospectiva sobre a difusión cultural en Internet a partir da súa experiencia arredor da creación de contidos dixitais (na revista Vinte ou o festival Carballo Interplay) e na promoción de obras audiovisuais como O corno ou Rapa.


Haberá tamén dúas actividades especiais: unha en colaboración co Club de Cine da Facom sobre a videocreación, conducida por Adrián Canoura, e outra en colaboración co Club de Fotografía da facultade que consistirá nun obradoiro de cianotipia.


Alén diso, dende o equipo de programación do festival elaborouse unha selección de artistas a incluír en paralelo á competición para exhibir as súas obras. A cineasta e montadora Lucía Estévez participará coa súa recente curtametraxe O neno sardiña, mentres o director de fotografía e creador de vídeos musicais Iago Vilarinho o fará cos seus clips para hydn ou RYMER.


A videógrafa e fotógrafa Helena González intervirá coa sua curta MINHAMENINHA, así como a directora Paula Fuentes coa súa carta fílmica titulada Lucita.


O Facom Fest rematará o día 30 cunha gala de clausura onde se darán a coñecer as pezas gañadoras, premiadas cun bono de 200€ para utilizar en Elcom, unha tenda especializada en compoñentes electrónicos e material audiovisual.


A gala será amenizada pola actuación de Gloria Pavía, unha artista pop con influencias de jazz vocal e que vén de publicar o álbum Novas flores xunto a Dani Liñeira.


Posteriormente dará comezo na sala Moon o concerto de Migui Bouzó, artista vigués que presentou o mes pasado o seu album debut Cine i amor na Facultade de Comunicación.


Para finalizar haberá un dj set con Chris Indian e Ces en cabina.


Programa deste ano. Cedida

Comentarios


© 2035 by David Cam.

Powered and secured by Wix
 

  • TikTok
  • Instagram
  • X
  • Youtube

 Campus Norte, Av. de Castelao, s/n, 15782 Santiago de Compostela, A Coruña metanoiagalicia@gmail.com

Tel: 637 355 870

bottom of page