Ir camiñando ao colexio aumenta a autoestima, o rendemento escolar e mellora as relacións familiares
- metanoiagalicia
- 16 nov 2023
- 2 Min. de lectura
Os pediatras chaman a atención sobre os efectos positivos da actividade física para a saúde mental dos nenos e adolescentes

Varias nenas chegando ao colexio (cedida)
Metanoia
O curso escolar é o momento idóneo para reformularse a forma de moverse pola cidade no día a día, sobre todo en traxectos tan frecuentes como ir e volver do centro educativo. Os pediatras recomendan ir a pé ao colexio sempre que sexa posible e argumentan que a marcha rápida diminúe os valores de presión arterial, optimiza a capacidade de regulación dos niveis de azucre do sangue mellorando a sensibilidade á insulina e axuda a previr e reducir o sobrepeso e a obesidade, tan prevalecentes na poboación pediátrica.
“Esta práctica permite aos nenos mellorar a súa orientación e a súa concentración –e, polo tanto, o rendemento escolar-, aumenta a súa autoestima, reducindo o risco de depresión e ansiedade, desenvolven maior autonomía, contribúe a potenciar as relacións coa súa familia e coa comunidade e axuda aos nenos para ser conscientes da súa contorna, desde descubrir as estacións, ata coñecer as características das rúas do seu barrio”, apunta o doutor Julio Álvarez-Pitti, coordinador do Comité de Promoción da Saúde da Asociación Española de Pediatría (AEP).
“Sen esquecer o compoñente ambiental que supón reducir o uso do coche e a emisión de CO2. Os nenos son máis vulnerables á contaminación atmosférica urbana (CAU) por respirar maiores volumes de aire por quilo de peso que os adultos”, engade o doutor Juan Antonio Ortega, coordinador do Comité de Saúde Ambiental da AEP, que incide na importancia de fomentar o contacto coa natureza para mellorar a saúde, tanto física como mental, dos máis pequenos.
A importancia de realizar actividade física na infancia
Incorporar o hábito de ir camiñando ao colexio no día a día dos estudantes é unha das accións a nivel escolar que demostrou maior impacto no incremento da actividade física dos alumnos. Camiñar un quilómetro ao día supón realizar ata dúas terceiras partes da actividade física recomendada para os nenos.
A recomendación para os nenos e nenas é realizar polo menos 60 minutos diarios de actividade física moderada-intensa, de forma regular, aínda que, para que sexa eficaz, os pediatras lembran que “é necesario facelo cunha intensidade e unha frecuencia determinada, que en moitos casos non se cumpre”.
“Esta necesidade de fomentar a actividade física nos nenos e adolescentes a través de iniciativas como ir andando á escola, xa foi demandada pola AEP e polas demais sociedades médico- científicas que participaron a elaboración deste plan. Desde a Asociación Española de Pediatría colaboraremos en todo o posible, e animamos ás institucións para poñernos xuntos ao choio ”, conclúe o coordinador do Comité de Promoción da Saúde da AEP.




Comentarios