Centos de profesionais do audiovisual renúnense no "I+P, ideas para producir" buscando financiación
- metanoiagalicia
- 1 dic 2023
- 4 Min. de lectura
Case un cento de profesionais da industria audiovisual reúnense este venres no centro Ágora da Coruña para participar na 17a edición do pitching “I+P, Ideas para Producir”, que organiza o Clúster Audiovisual Galego.

Metanoia
Produtores, guionistas e creadores de contidos de cine e televisión buscan alianzas comerciais coas principais televisións, plataformas e distribuidoras do noso país. O I+P sirve de punto de encontro entre os profesionais do sector audiovisual cuxos proxectos foron seleccionados e os representantes de canles televisión e plataformas, produtores executivos e distribuidores coa fin de establecer alianzas para a coprodución, venda ou distribución de contidos para cine e televisión.
Desta maneira os pitchs e as reunións de negocio que alberga este foro de referencia a nivel nacional facilitan as alianzas creativas e empresariais.
Así o puxo de manifesto esta mañá o presidente do Clúster, Alfonso Blanco, durante o
acto de apertura da xornada ao salientar o valor deste tipo de iniciativas tanto para o
desenvolvemento como para a financiación dos proxectos, tras agradecer aos
colaboradores desta edición o seu apoio.
Alfonso Blanco estivo acompañado por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das
Industrias Culturais da Xunta de Galicia, e por Avia Veira, deputada provincial na
Deputación da Coruña.
Pola súa banda, Sutil destacou os fitos alcanzados polo audiovisual galego nos últimos anos nos que “as empresas galegas conseguiron cifras sen precedentes e nos que o talento do país ganou primeiros premios dos festivais internacionais máis importantes”.
Isto é así, ata o punto de poder afirmar que, hoxe en día o audiovisual galego, está vivindo o seu mellor momento, asegurou. O director de Agadic tamén se refiriu a un documento de traballo publicado polo Consello da Cultura Galega que cifra en máis de 2.600 persoas as dedicadas directamente en Galicia ao sector audiovisual.
Ademais -proseguiu- a mesma fonte especifica que os ingresos de explotación do audiovisual incrementáronse na orde dun 65% e das empresas nun 27%. Tamén se indica que as compañías galegas duplicaron en 2022 o número de producións nas que participaron respecto a 10 anos atrás. Mentres que Avia Veira destacou o valor da creación e da produción de contidos audiovisuais tanto desde unha perspectiva cultural como social, reiterando o apoio da Deputación da Coruña aos profesionais que aglutina o audiovisual galego.
A clausura da sesión matinal correu a cargo de Inés Rey, alcaldesa da Coruña, quen subliñou o importante papel que xogan este tipo de eventos para dar a coñecer novas propostas audiovisuais. "É unha honra para nós como cidade poder acoller xornadas como esta I+P, que amosan o compromiso da Coruña co sector audiovisual galego ". Rey lembrou durante a súa intervención que A Coruña é unha cidade pioneira para o sector audiovisual. "José Sellier foi pioneiro da cinematografía galega e o primeiro especialista español en traballar cunha cámara Lumière, hai máis dun século. No seu estudo de San Andrés foi onde se proxectaron, en 1897, as primeiras películas rodadas en España", destacou.
Proxectos participantes
Nesta 17ª edición presentáronse 18 proxectos, dos cales 6 corresponden aos traballos que participaron na segunda edición do I+P INCUBA, a incubadora de proxectos de longametraxes e series do Clúster, que conta coa financiación do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) do Ministerio de Cultura, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado cos fondos europeos NextGenerationEU.
Estes seis títulos son as longametraxes de ficción “Animales”, de Zeta Studios, e “Villamiseria”, de Agallas Films; a longametraxe documental “Notas entre silencios”, de Ollovivo; a longametraxe de animación “Greta”, de Algarabía Animación, e as series “Los Doce”, de Volcano Films, e “Puma_Blue”, de Inverno Films.
Completan o total de proxectos presentados, as longametraxes de ficción “María Casares, a diva estranxeira”, de Zenit Televisión; “As tres outras vidas de María Santiso”, de Melgo Cinema; “El bosque sumergido”, de Meridional Producciones; “Ibiza 67”, de Pauxa Films; “Tal vez”, de Ngaro Games La Casa de los Enigmas; e “Roundabout”, de Carlos Polo; as series de ficción “Malpaís”, de Lidia Fraga; e “Anomaly”, de Ana Urquijo; a serie de non ficción “Operación Hotel: El hombre que vendió su alma a la CIA”, de Marcos Nine; a miniserie de ficción “Viven al lado”, de Samuel Lema; a miniserie de animación “La voces del lienzo”, de Producións A Fonsgrada (Grupo Filmax); e o programa de televisión “Mama-Rachas”, de Producciones Vigo - EISV.
Compañías no I+P
Entre a vintena de decision makers asistentes ao evento encóntranse o produtor executivo de RTVE, Fernando López Puig; a analista de Contido de Atresmedia TV, Raquel Busca; a produtora executiva de Atresmedia Cine, Gemma Vidal; a directora da Área de Desenvolvemento de Proxectos de Telecinco Cinema, Teresa de Rosendo; o director da Área de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea; a xefa do Servizo de Contidos da TVG, Montse Besada; a produtora executiva de Ficción e Cine de TV3, Esther Dueñas; a responsable do Departamento de Cine de RTVA, Paz Piñar.
Tamén asisten ao I+P a responsable de Cine Español de Movistar Plus+, María Rubín,
xunto a Lara López, do departamento de Compra de Dereitos Audiovisuais de Cine
Español e Independente; a executiva de Desenvolvemento de Series Orixinais Movistar
Plus+ Ana Diez, o creative coordinator unscripted e o xerente de estratexias de Prime
Video, Iván Aparicio e Joaquín Garralda; a content editor and programmer de Filmin,
Elodie Mellado; o director de Ficción de Warner Bros. ITVP España, Alberto Carullo; o
responsable de Distribución de Cine Español e Coproducións de A Contracorriente Films, Fernando Riera; a responsable de contidos de ficción e produtora executiva de DeAPlaneta, Laia Medina; a delegada de Filmax en Galicia, Inmaculada Castaño, e a directora de Contidos de Portocabo, Nina Hernández.
Todos eles manterán na tarde deste venres máis de 200 encontros de traballo cos responsables dos proxectos participantes, nos que poderán intercambiar impresións, ampliar a información destes traballos e establecer contactos de cara a posibles acordos comerciais.
A edición 2023 do I+P conta coa subvención da Deputación da Coruña e o patrocinio da
Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e coa colaboración do Concello da Coruña.
Tamén colaboran con este foro as asociacións profesionais AGAG e CREA e o Máster en Produción Xornalística e Audiovisual (MPXA), e patrocínano Music Library & SFX, AVisual, Filamento Iluminación e Gadisa.



Comentarios