Ana Pontón propón un novo sistema público para os problemas de asistencia á dependencia
- metanoiagalicia
- 14 nov 2023
- 1 Min. de lectura
Actualizado: 16 nov 2023
A portavoz nacional critica os anuncios electoralistas do presidente da Xunta de Galicia: un bono aos coidadores familiares que non cobre a todos, unha paga mensual que nin chega á RISGA e un bono residencia para que as empresas privadas sigan facendo negocio coa vellez

Metanoia
Ana Pontón propuxo a creación dun novo sistema público para a dependencia, reforzando os servizos e equipamentos públicos para crear unha rede pública forte que atenda ás persoas dependentes. “Temos unha débeda pendente, hai que configurar un auténtico sistema galego de benestar que poña a atención ás persoas no seu contorno como prioridade”, afirmou.
Tras a reunión con diversos colectivos e asociacións para avaliar a situación da asistencia á dependencia en Galiza, Pontón denunciou que o Goberno galego ten á cola en dependencia á comunidade cos peores datos de atención en todo o Estado. A líder do Bloque recordou que Galiza tamén ocupa o último lugar en resolucións de dependencia con respecto á poboación potencialmente dependente.
Ademais criticouse que “nesta precampaña electoral acelerada” o PP prometa “facer nestes próximos días o que non fixo en 14 anos”, tentando tapar os problemas e os déficits que deixa no ámbito da dependencia con anuncios electoralistas.
Pontón defendeu o modelo alternativo do Bloque, asentado sobre dous piares fundamentais: a posta en marcha dun sistema de coidados de longa duración, tanto para os coidados informais como para os profesionais e a prestación dunha atención sociosanitaria integrada e centrada nas persoas.




Comentarios