top of page

A sétima gala dos Premios Provinciais da Xuventude recoñece o talento de nove xoves

  • metanoiagalicia
  • 17 nov 2023
  • 3 Min. de lectura
  • O presidente Luis López destacou a creatividade, a intelixencia e a sensibilidade dos participantes, que fan que “a provincia teña asegurado o seu futuro”

  • O deputado de Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela, recordou o apoio do goberno provincial á mocidade coa creación dun servizo específico dotado con 1,2 millóns de euros

Asistentes aos Premios Provinciais da Xuventude cos homenaxeados. Cedida

Metanoia


A Deputación de Pontevedra entregou este venres os galardóns aos gañadores da sétima edición dos Premios Provinciais á Xuventude nunha gala celebrada no Salón de Plenos do Pazo Provincial que contou coa participación do presidente Luis López, quen destacou o talento, creatividade, intelixencia e sensibilidade dos participantes, mozos e mozas de toda a provincia que fan “que a provincia teña asegurado o seu futuro” porque “vós sodes precisamente ese futuro”, subliñou nun discurso que serviu para clausurar a gala.


Un evento que estivo presentado pola xornalista Patricia Bea, que contou coa actuación musical da premiada no 2021, Ainhoa Mosquera; e no que o deputado de Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela, recordou o compromiso da Deputación co apoio ao talento xuvenil a través da creación dun novo servizo dotado con 1,2 millóns de euros.


Presentáronse a esta edición dos premios, que reparte un total de 36.000 euros entre os gañadores, un total de 77 traballos correspondentes a nove categorías.

Premios


En banda deseñada, Ánxel Carramal levou o primeiro premio, mentres que Manuel Alejandro Vázquez fíxose co segundo premio e Andrés Chincilla, co terceiro.


En fotografía orixinal, o primeiro premio foi para Claudia Gómez, o segundo, para María Sarrapio; e o terceiro, para Helena Constenla.


Na categoría de investigación de ciencias, arquitectura ou enxeñaría, o primeiro premio compartírono Silvia García e Francisco de Arriba, mentres que o segundo foi para Laura Rubio e o terceiro, para Moisés Cordeiro.


No apartado de Artes, Humanidades e Ciencias Sociais, a gañadora foi Andrea Domínguez, mentres que o segundo e o terceiro posto foi para Adrián Paramés e Laura Docampo, respectivamente.


En literatura, na subcategoría de narrativa, o primeiro premio levouno

Ana Iglesias, o segundo estivo compartido por Fabio Rivas e Inés Alonso e o terceiro conseguiuno Rebeca López.


Na subcategoría de poesía, Pedro Rodríguez fíxose co primeiro premio, César Manuel Gil, co segundo; e Rebeca López repetiu cun novo terceiro posto. Na categoría de traballo musical, Santiago Guerra foi o gañador e Javier Lago levou o segundo premio.



O presidente Luis López. Cedida

En deseño e moda, Regina Chamorro foi a gañadora, mentres que en contido audiovisual, o xurado concedeu o segundo posto a Susana Cabaleiro. Ademais, entregáronse premios colectivos a centros educativos da provincia polos seus traballos de investigación.


Na categoría de educación en valores, o primeiro premio foi para o IES de Poio, o segundo, para o IES Illa de Ons de Bueu; e o terceiro, para o IES Paralaia de Moaña. Finalmente, na categoría de acción polo clima, o IES A Paralaia foi o gañador.


Apoio da Deputación


Despois de citar o nome de cada un dos premiados, o presidente da Deputación destacou a calidade e transcendencia dos traballos ao sinalar que “nos facedes medrar como provincia”. Neste sentido, López reiterou o compromiso da Deputación no apoio á xuventude.


“Desde a Deputación non só faremos o posible para multiplicar o talento da nosa xuventude, nin sequera estaremos aí só para recoñecer o voso esforzo, como se demostra nesta gala, tamén estaremos ao voso carón para dar eco aos vosos traballos, para divulgalos, e que cheguen tan lonxe como merecen”, afirmou o mandatario provincial.


Un apoio do que tamén falou o deputado responsable desta área, Jorge Cubela, na apertura da gala ao sinalar que “estamos preocupados polo voso futuro, queremos que teñades oportunidades e que estas se dean aquí, na nosa provincia porque somos moi conscientes de que para que Pontevedra vaia a máis, a nosa xuventude ten ser partícipes do proxecto”.


Para iso, recordou a liña de axudas para o impulso de actividades xuvenís, investimentos relacionados coa mocidade, e para os centros educativos que recolle o recentemente creado Servizo de Xuventude e Reto Demográfico.


Coa entrega destes galardóns, a Deputación busca estimular e promover a creatividade da mocidade da provincia no ámbito sociocultural, así como amosar o seu compromiso no eido da loita contra o cambio climático e a recuperación do medio ambiente. Puideron optar aos Premios Provinciais á Xuventude persoas de entre 16 e 35 anos e, no caso da categoría de Reacción polo Clima, centros educativos nos que participe alumnado de entre 12 e 18 anos.


Ademais, os gañadores levaron uns trofeos de cerámica elaborados polos usuarios da Asociación Alba de Familiares e Amigos de Enfermos Psíquicos de Pontevedra. Listado de premiados.


Comentarios


© 2035 by David Cam.

Powered and secured by Wix
 

  • TikTok
  • Instagram
  • X
  • Youtube

 Campus Norte, Av. de Castelao, s/n, 15782 Santiago de Compostela, A Coruña metanoiagalicia@gmail.com

Tel: 637 355 870

bottom of page