top of page

O delegado do Goberno aclarou o "firme" compromiso de aliviar a carga económica das familias

  • metanoiagalicia
  • 1 dic 2023
  • 2 Min. de lectura

Pedro Blanco lembrou no I Congreso Internacional de Consumo que estanse a mobilizar 6.400 millóns de euros entre os PERTE e as axudas do sector primario

Cedida. Pedro Blanco, delegado del Gobierno en Galicia.

Metanoia


O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, foi o encargado de clausurar hoxe o I Congreso Internacional de Consumo, organizado pola Unión de Consumidores de Galicia, no que destacou a resposta “firme e comprometida” por parte do Goberno para aliviar a situación económica das familias, con medidas como a rebaixa de impostos na alimentación, nas facturas de luz e gas, o límite a suba dos alugueiros, os descontos nos carburantes e no transporte ou a axuda de 200 euros para rendas inferiores a 27.000 euros, entre outras.


Durante a súa intervención o delegado recoñeceu que o Goberno é responsable á hora de defender os intereses das persoas consumidoras e así o está a facer, como pon de manifesto a nova Lei de Servizos de Atención á Clientela, coa que se ampliaron os dereitos das persoas consumidoras e se melloraron os prazos de consulta e resolución de incidencias, ou co Código de Boas Prácticas Bancarias negociado co sector financeiro para mitigar o impacto da suba dos tipos de xuro nas hipotecas.


Todas estas medidas, indicou, compleméntanse con outras iniciativas como a suba do salario mínimo ou a actualización das pensións conforme ao IPC, que tamén contribúen a reducir a perda de poder adquisitivo das familias. “O Goberno é consciente das dificultades da cidadanía para chegar a fin de mes e afrontar o alto custo da vida, a pesar de que España é a gran economía da Unión Europea que máis está a crecer e que rexistra unha das inflacións máis baixas de Europa”, apuntou.


“Todas estas duras realidades e outras moitas esixen unha resposta firme e comprometida por parte dos poderes públicos. O que temos que facer é reforzar o Estado do benestar, alargar a rede de protección social, e ese é o camiño no que imos continuar”, afirmou Pedro Blanco.

Apoio ao sector primario


O delegado aproveitou a súa participación no congreso, no que se puxo en valor e se debateu sobre o consumo de produtos do mar, os alimentos de calidade diferenciada e sustentabilidade, para lembrar que o Goberno de España está do lado das empresas. “Un Goberno que está a mobilizar 6.400 millóns de euros entre os PERTE e diversas axudas ao sector primario”, sinalou.


Nesta liña, destacou a importante aposta do Goberno de España por impulsar a produción ecolóxica co obxectivo de alcanzar, a medio e longo prazo, un 25% de superficie de agricultura en ecolóxico, que actualmente rolda o 10%. Tamén por mellorar a formación e a información ao longo da cadea alimentaria para facilitar a conversión cara a este sistema de producir alimentos, de modo que a oferta se estenda e chegue a máis persoas

consumidoras.


Neste senso, puxo en valor iniciativas como a campaña Alimentos de España do Ministerio de Agricultura, que enxalza a extraordinaria riqueza que temos. “O país máis rico do mundo”. “Un consumidor fiel é o que coñece ben as características dos produtos e sabe aprecialas; e un consumidor formado é un consumidor responsable desde o punto de vista social e ambiental. Conseguir esa formación e esa fidelidade é unha responsabilidade colectiva á cal contribúe o que vimos facendo desde o Goberno”, concluíu o delegado.


Comentarios


© 2035 by David Cam.

Powered and secured by Wix
 

  • TikTok
  • Instagram
  • X
  • Youtube

 Campus Norte, Av. de Castelao, s/n, 15782 Santiago de Compostela, A Coruña metanoiagalicia@gmail.com

Tel: 637 355 870

bottom of page