A candidata ao BNG insta á cidadanía a unha movilización masiva
- metanoiagalicia
- 3 dic 2023
- 2 Min. de lectura
Ana Pontón argumenta que "son a candidata de todos os galegos e as galegas que queren cambio votasen o que votase noutras eleccións"

Metanoia
A portavoz nacional, Ana Pontón, foi proclamada candidata á Presidencia nun acto multitudinario na capital da comunidade, cargado de emoción e de entusiasmo, no que a líder do BNG convocou á cidadanía e dixo, “A min ninguén desde Madrid me vai poñer límites á hora de defender Galiza”.
Ante unha audiencia entregada, Pontón subliñou que esta non será unha campaña máis porque estamos ante as eleccións máis importantes das última décadas cun BNG convertido na alternativa real ao PP, preparado para gobernar galego. “É agora”, sintetizou, dirixíndose a todas as persoas que queren cambio.
“Ser a candidata do BNG á Presidencia da Xunta é unha honra e unha enorme responsabilidade, e quero dicirlles a todas as persoas que queren cambio que son a súa candidata, non importa o que votaran noutras eleccións, hai moitas maneiras de sentirse galego, de sentirse galega e todas son necesarias para abrir un tempo novo”, explicou. Pontón incidiu en ser a candidata “desa maioría que sabe que o futuro pode ser mellor se confiamos nas nosas propias forzas, porque o futuro gáñase desde o amor e desde a confianza no que somos, como País e como pobo”.
Neste sentido, Pontón convidou a botar a vista atrás, ós corenta anos de democracia con seis presidentes, todos homes e todos de forzas estatais. “Pensades que nos foi ben, que colocaron a Galiza no lugar que lle corresponde?”, interpelou, para concluír que urxe abrir un tempo novo.
“Humildemente, penso que Galiza vai saír ganando, que lle vai ir moito mellor cunha presidenta do BNG, e por iso pídolle ós e ás galegas que me dean a oportunidade de demostralo, de demostrarlles que podemos facelo mellor. Unha presidenta coas mans libres e un proxecto común de País, pensado desde nós e para nos, é a combinación perfecta para poñer en marcha a Galiza en grande que queremos e que merecemos”, argumentou.
Pontón rememorou o acto no que foi proclamada candidata hai catro anos para prognosticar que o Bloque liderará o próximo goberno, “Naquel momento tiña algo máis de barriga e compartinvos a sensación de que a miña filla tiña presa por nacer e que non sería o único novo que nacería nese ano. Ao día seguinte rompín augas e naceu Icía e ese 2020 trouxo a semente do cambio cun BNG que pasou de seis a dezanove escanos. Hoxe dígovos que 2024 será o ano no que naza un novo goberno liderado polo BNG”, proclamou.
Pontón ironizou insistindo en que non pretendía ir de adiviña pero advertindo que até a cita coas urnas ían multiplicarse as voces interesadas en negar calquera posibilidade de cambio.
“A eses predicadores do non imos dicirlles coa cabeza alta e cun sorriso na boca que se equivocan, que o seu tempo pasou, que hai unha Galiza que vai deixar atrás o tempo da resignación e do pesimismo, que a esperanza derrotará ao inmobilismo, a confianza triunfará sobre a resignación, así que a por todas, imos facer historia”, proclamou, ao tempo que apelaba a unha mobilización masiva e a non dar nada por feito.




Comentarios